Día das letras no Bierzo

29 ene 2012 0 comentarios

Un ano máis os bercianos galegofalantes celebramos neste mes o Día das Letras Galegas. Esta festividade cultural tivo a súa orixe na Comunidade Autónoma de Galicia un 17 de maio de 1963. Os habitantes dos territorios estremeiros do noroeste peninsular, Navia-Eo, O Bierzo e As Portelas da Alta Seabra, compartimos con Galicia as mesmas cultura e lingua. E nesta data tan salientable reafirmamos todos catro o noso irmanamento identitario dun xeito moi especial.

Os actuais falantes somos herdeiros dun patrimonio histórico que tivo a súa orixe na Idade Media, como así se constata na documentación conservada nos nosos mosteiros bercianos. A comunidade galega, xeración tras xeración, soubo transmitir a lingua territorial do Bierzo occidental. E isto a pesar de que as instituciois públicas apostaron unicamente polo castelao como idioma oficial, restrinxindo o galego aos niveis orais. Aínda así, ao longo da historia, tamén tivemos persoeiros bercianos que dignificaron o galego a través da escrita, casos de Frei Martín Sarmiento (s.XVIII), A. Fernández Morales, Francisco de Llano e Ovalle, Ramón Gonzalez-Alegre Bálgoma e demais.

A comunidade galegofalante do Bierzo é unha minoría cultural na Comunidade Autónoma de Castela e León, e por iso merece o máximo respecto das administraciois públicas e da propia maioría lingüística castelá. Recordemos que o Estatuto de Autonomía, na súa reforma de 1999, xa recolle de xeito explícito o seguinte mandato legal: “gozarán de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen” (artículo 4.2).

Resulta fundamental a necesidade dun intervensionismo das administraciois públicas na recuperación e o fomento dunha lingua minorizada, como a galega do Bierzo, sen embargo non se pode negar que o protagonismo activista para levarmos a cabo estas funciois normalizadoras está nas maos dos seus propios falantes. Como exemplo disto, a mobilización continuada da comunidade escolar (pais, mais, alumnado e profesorado) pola consecución de aulas de idioma galego nos colexios e os institutos, finalmente conseguida.

A celebración do Día das Letras Galegas 2005 no Bierzo é unha mostra máis da capacidade de iniciativa cultural da comunidade galegofalante, da nosa resistencia fronte aos intentos por agochar a propia existencia da lingua territorial neste recuncho territorial estremeiro. A realidade sociocultural deste comezo de século XXI indica claramente que hai un rexurdimento progresivo da cultura galegoberciana por mor da concienciación da poboación bilingüe afectada.

Fuente: Xabier Lago Mestre para el Diario de León

Debes estar registrado y con tu cuenta para poder insertar comentario o también usar tu usuario de Facebook para insertar tus comentarios:

Comenta esta noticia en Facebook

cerrar